Lux xogará o domingo

No Deportivo todo indica que Germán Lux xogará o domingo. El di que está pra xogar. Cando menos esta mañá puidémolo ver traballando en Abegondo. O Poroto non forzou, fixo un traballo específico e despois retirouse. Lux non está ó cen por cento mais Víctor conta con el.

Apuntamentos do Betis – Deportivo

1. Partido máis que correcto do Deportivo no Benito Villamarín. Apagado en ataque na primeira parte, aínda que sobrio en defensa, e máis predisposto a deixar espazo ao talento na segunda. Notáronse as rotacións e a escasa compenetración dos atacantes nos últimos metros, pero sóubose sufrir e conseguíronse tres puntos moi valiosos prós de Víctor neste tramo inicial de Liga. Confianza.

2. Nos últimos anos, nestes partidos tan mestos e tan propensos á loita intensa por cada balón e en cada acción, a moeda non adoitaba caer cara ao lado do Deportivo. Agora o conxunto branquiazul é outro. Sufridor, xeneroso nos esforzos, veterano… o carácter de homes coma Fernando Navarro, Pedro Mosquera ou Fayçal Fajr déronlle outro aire ao Deportivo.

3. Tendo en conta os 3 partidos en 7 días, Víctor decidiu facer un cambio total no ataque pra rotar aos máis habituais. Foron catro, pero moi significativos. Nin Lucas, nin Luís Alberto, nin Juanfran, nin Celso Borges. No seu lugar xogadores que necesitan minutos pra amosar a súa valía: Jonathan Rodríguez, Luisinho, Fede e Juan Domínguez. A xogada saíulle perfecta ao técnico madrileño. O seu equipo conseguiu o triunfo, descansaron os titulares e os seus futbolistas menos habituais tiveron tempo pra rodarse na competición.

4. Entre os novos, o que máis destacou foi Fede. Pra ben ou pra mal, o rosarino dá que falar. Capaz do mellor e do peor, Fede foi o branquiazul máis desequilibrante na primeira parte e rompeu o partido cun zurdazo cando non se chegou ao ecuador do segundo acto. Minutos despois, por falta de concentración, propiciou o gol local. A vitoria resta importancia ao seu erro e ofrece máis valor ao seu golazo.

5. Se de Fede a afección segue querendo ver máis, o que parece dar a sensación de desaproveitar unha oportunidade é Juan Domínguez. O galego acompañou a Pedro Mosquera e a Fayçal Fajr no centro do campo e o seu partido foi especialmente gris. Non destacou nin na distribución e xeración de xogo, que é o que máis se lle pide, nin na desarticulación do xogo rival.

6. O que demostrou en pouco tempo sobre o campo que é un valor moi importante deste Deportivo é Celso Borges. A acción do costarriqueño no 1-2 é dun nivel excelso. Centrocampista con moita chegada a área rival, e dende que aterrou na Coruña, Víctor Sánchez revalorizouse polas súas boas decisións no último cuarto de campo.

7. O mellor do partido, pra ben do Deportivo, foi Alejandro Arribas. E digo pra ben do Deportivo porque o conxunto herculino necesita que o central madrileño dea un paso á fronte e sexa como xefe da defensa deportivista. Tres tempadas de contrato en vigor pra un central de 26 anos con varios cursos de experiencia en Primeira División. Moi importante que se converta nun futbolista capital deste equipo.

Un por un : Betis – Deportivo

Fotógrafo: Manuel Laya

O Deportivo conseguiu antonte no Benito Villamarín a súa segunda vitoria desta tempada -as dúas a domicilio-, após facer un partido diferente ao que fora habitual esta campaña no conxunto branquiazul. O equipo de Víctor, que se moldeou bastante ao longo do encontro, completou unha actuación con menos balón e menos arriscada, na que os 14 xogadores herculinos que saltaron ao céspede do recinto andaluz centraron gran parte dos seus esforzos en ser seguros en defensa pra, posteriormente, aproveitar os momentos de debilidade do Betis. E o plan saíulles á perfección.

Lux: 6. Un erro no xogo de pés nos primeiros minutos estivo a piques de custar o 1-0 de Rubén Castro, pero refíxose e fixo unha actuación seria no resto do partido.

Laure: 6. Impreciso na recta inicial tanto en ataque coma en defensa, pero mellorou co paso dos minutos. Achegou oxíxeno nos últimos minutos incorporándose e dando saída ao equipo.

Arribas: 7. Tamén de menos a máis ata rematar como o defensa máis destacado. Co balón estivo impreciso, pero gañouno todo por arriba e realizou varios cortes de moito mérito cando máis apertaba o Betis.

Sidnei: 6. Foi a súa actuación máis completa do que vai de tempada, lembrando ao futbolista do curso pasado coa súa superioridade física en defensa e sumándose ao ataque dende atrás sempre que lle foi posíbel.

Fernando Navarro: 7. Comezou intervindo moito no plano ofensivo e dobrando a Luisinho con frecuencia, pero axiña se centrou unicamente en secar a Joaquín e conseguiuno. Resarciuse do seu mal partido ante o Sporting.

Juan Domínguez: 6. Estreou titularidade e fixo unha boa actuación, sobre todo en termos defensivos e de dar equilibrio ao equipo no centro do campo. Gañou disputas individuais e xogou fácil. Foi o primeiro cambio do partido pra dar entrada a Borges.

Pedro Mosquera: 6. Unha vez máis foi o temón do equipo e o dominador do centro do campo grazas ao seu bo posicionamento, capacidade de sacrificio e, sobre todo, acerto na distribución. Ademais, chegou á frontal e tentou o disparo afastado en varias ocasións.

Fede: 7. Os seareiros estaba con ganas de velo e deixou detalles interesantes. Sempre pola dereita, arrincou impreciso e algo individualista, pero foise entoando e xa na recta final da primeira parte enviou un balón ao poste. Na segunda, fixo un golazo espectacular dende 30 metros pero sorprendeu cunha mala cesión atrás que rematou no empate. Necesita minutos pra integrarse no xogo e aínda é un xogador en formación, pero amosou que ten calidade pra marcar diferenzas.

Luisinho: 6. Impreciso e apagado con balón, a súa única achega destacada estaba sendo en defensa coas axudas a Fernando Navarro, pero apareceu no momento clave pra facer unha gran galopada e centrar á área na acción do 1-2.

Jonathan Rodríguez: 5. Desasistido e moi só enriba, apenas puido participar e cando o fixo tivo problemas pra baixalas de costas e dar saída aos seus compañeiros. Aínda así, deu mostras das súas intencións cunha xogada individual pola dereita e con outra na que se virou rápido e buscou o tiro. Foi substituído no minuto 64.

Celso Borges: 7. Apenas xogou media hora, pero chegoulle pra ser decisivo cunha faceta que potenciou esta tempada e por agora está a dar moi bos resultados: a súa chegada á área. No 1-2, incorporouse nunha acción similar á do seu gol en Vallecas e cedeuna de marabilla prá chegada de Fayçal Fajr.

Lucas Pérez: 6. Tocou poucos balóns e non tivo opcións claras de marcar, pero transmitiu máis perigo que Jonathan Rodríguez cando a pelota pasou polas súas botas e apertou na presión.

Juanfran: 5. Ingresou só cinco minutos antes do gol da vitoria pra reforzar a dereita. Foi importante na recta final pra aguantar a pelota e deixar que pasase o tempo. Regresaba ao Benito Villamarín, que lle recibiu con moitos asubíos pola súa polémica saída no verán de 2014.

O MELLOR

Fotógrafo: Manuel Laya

Fayçal Fajr: 8. Cada día máis importante, foi o único futbolista de ataque que non rotou e ademais completou os 90 minutos. Os seus toques entre liñas e cambios de orientación son claves en case tódolos ataques do Dépor e ademais arredondou a súa actuación co seu primeiro gol. O seu único lunar estivo no balón parado, que executou peor ca en partidos anteriores.

Javi Gómez Noya, campión do mundial de triatlón por quinta vez

REMATOU SEGUNDO A ÚLTIMA PROBA, CELEBRADA EN CHICAGO

Co quinto título mundial, o triatleta ferrolán xa é o mellor da historia ao desempatar co surafricano Simon Lessing.

O ferrolán Javier Gómez Noya, aos seus 32 anos, conseguiu esta madrugada proclamarse pentacampión do mundo de triatlón (2008, 2010, 2013, 2014 e 2015) após rematar a última proba das Series Mundiais de 2015 en Chicago na segunda posición, a tan só catro segundos do mallorquino Mario Mola, que tamén repetiu subcampionato.
Ao triatleta galego abondáballe con rematar na terceira praza se Mola acadaba a vitoria, como así foi, nun sprint final co que contrarrestou a intención de Javi Gómez Noya de vencer en Chicago pra culminar así unha tempada inesquecíbel. A proba decorreu como de costume. O ferrolán saía da primeira parte, os 1.500 metros a nado, por detrás do grupo de cabeza, e foi na carreira a bicicleta e, sobre todo, a pé, onde o galego, canda o propio Mola, puxeron terra de por medio co grupo de perseguidores. Os 10 quilómetros de carreira foron realmente plácidos prós dous triatletas, ata o punto de se converteren nun man a man pra dilucidar quen acadaría o triunfo. Co campionato logrado hoxe, Javi Gómez Noya supera ó mítico triatleta surafricano Simon Lessing, que entre 1992 e 1998 acadara 4 mundiais.

Trala finalización da proba, o ferrolán asegurou que o seu obxectivo, pró que traballará os vindeiros meses logo dun pequeno descanso, son os Xogos Olímpicos de Rio de Janeiro. Como se lembrarán, as anteriores participacións do triatleta galego no maior evento deportivo do planeta se saldaron cun cuarto posto en Pequín (2008) e unha medalla de prata en Londres (2012). O ouro olímpico é agora a prioridade dun deportista irrepetíbel, o máis grande triatleta da historia.

Saídas do Dépor 2015-2016

ANTES DO 1 DE XULLO

  • Wilk (non renovou)
  • Toché (non renovou)
  • Hélder Postiga (non renovou)
  • Issac Cuenca (non renovou)
  • Borja López (foise após estar cedido)
  • Canella (foise após estar cedido)
  • Ivan Cavaleiro (foise após estar cedido)
  • Hélder Costa (foise após estar cedido)
  • Luis Fariña (foise após estar cedido)
  • José Rodríguez (foise após estar cedido)
  • Salomao (foise após estar cedido)

APÓS O 1 DE XULLO

  • Diego Seoane (rescindiu o contrato)
  • Luis Fernández (cedido Huesca)
  • Pablo Insua (cedido Leganés)

Listado de fichaxes do Deportivo 2015-2016

  • Manu : Libre/Gratis
  • Juanfran : Cedido polo Watford/ Gratis
  • Sidnei : Libre/Gratis
  • Arribas : Libre/Gratis
  • Fernando Navarro : Libre/Gratis
  • Pedro Mosquera : Libre/Gratis
  • Cani : Libre/Gratis
  • Fede : Cedido polo Valencia/Gratis
  • Jonas : Libre/Gratis
  • Fayçal Fajr : Libre/Gratis
  • Luis Alberto : Cedido polo Liverpool/Gratis
  • Lucas Pérez : Traspasado do PAOK/ 1.5 millóns de €
  • Jonathan Rodríguez : Cedido polo Benfica/Gratis
  • Oriol Riera : Libre/Gratis

Total de fichaxes : 14

  • En propiedade : 10 (9 libres e 1 traspaso)
  • Cedidos : 4

Gasto total : 1.5 millóns de €

Florentino critica a Liga que gañou o Deportivo

Florentino Pérez volveu amosar unha vez máis a súa peor cara na entrevista que concedeu en “O Partido das 12”, e fixo unha vez máis gala desa falta de humildade que tantas veces se lle criticou. Lonxe de facer autocrítica tralo seu ridículo coa non contratación de De Gea ou a última tempada en branco do Real Madrid, na que tras un novo malgaste millonario en materia de fichaxes non conseguiu levantar ningún título, non tivo reparos en quitarlle valor á consecución da Liga que o Deportivo alzou na campaña 1999-2000, e na que foi campión coa cifra máis baixa de puntos en conseguilo.

Así, ao ser cuestionado polo súa pobre bagaxe dende que preside a entidade branca no que a títulos se refire, o mandatario insinuou que é preferíbel non gañar nada e chegar a unhas semifinais de Champions League que conseguir ser campión do campionato español cunha puntuación pouco elevada. “Non é o mesmo gañar unha Liga con 69 puntos e que che eliminen en oitavos. O importante é o lugar que ocupas no mundo. O Real Madrid deixou de ocupar o posto que lle correspondía cando eu me fun e o tivemos que volver recuperar”, declarou.

Baixo o mandato de Florentino, o Real Madrid sufriu un dos episodios máis negros na súa historia o día do seu centenario, tras caer derrotado ante o Deportivo o 6 de marzo de 2002 na final da Copa do Rei disputada no Santiago Bernabeu. Agora, máis dunha década despois de tan sinalada data, polo visto nas súas declaracións, queda a dúbida de se restou mérito á consecución dunha Liga só polo feito de facelo con esa puntuación ou polo feito de que o conseguiu o Deportivo.


Opinión persoal : Florentino Pérez ocúpate dos teus asuntos, e se non tes nada mellor que facer que meterte có Deportivo, déixalle o teu posto de presidente do Real Madrid a outros.

Ocúpate do Real Madrid que é o teu traballo.

Por outra parte, Florentino di que o Dépor gañou a Liga ese ano con poucos puntos. Pois entón do Real Madrid non sei que habería que dicir, porque conseguiu menos puntos có Deportivo esa tempada.