Un por un : Betis – Deportivo

Fotógrafo: Manuel Laya

O Deportivo conseguiu antonte no Benito Villamarín a súa segunda vitoria desta tempada -as dúas a domicilio-, após facer un partido diferente ao que fora habitual esta campaña no conxunto branquiazul. O equipo de Víctor, que se moldeou bastante ao longo do encontro, completou unha actuación con menos balón e menos arriscada, na que os 14 xogadores herculinos que saltaron ao céspede do recinto andaluz centraron gran parte dos seus esforzos en ser seguros en defensa pra, posteriormente, aproveitar os momentos de debilidade do Betis. E o plan saíulles á perfección.

Lux: 6. Un erro no xogo de pés nos primeiros minutos estivo a piques de custar o 1-0 de Rubén Castro, pero refíxose e fixo unha actuación seria no resto do partido.

Laure: 6. Impreciso na recta inicial tanto en ataque coma en defensa, pero mellorou co paso dos minutos. Achegou oxíxeno nos últimos minutos incorporándose e dando saída ao equipo.

Arribas: 7. Tamén de menos a máis ata rematar como o defensa máis destacado. Co balón estivo impreciso, pero gañouno todo por arriba e realizou varios cortes de moito mérito cando máis apertaba o Betis.

Sidnei: 6. Foi a súa actuación máis completa do que vai de tempada, lembrando ao futbolista do curso pasado coa súa superioridade física en defensa e sumándose ao ataque dende atrás sempre que lle foi posíbel.

Fernando Navarro: 7. Comezou intervindo moito no plano ofensivo e dobrando a Luisinho con frecuencia, pero axiña se centrou unicamente en secar a Joaquín e conseguiuno. Resarciuse do seu mal partido ante o Sporting.

Juan Domínguez: 6. Estreou titularidade e fixo unha boa actuación, sobre todo en termos defensivos e de dar equilibrio ao equipo no centro do campo. Gañou disputas individuais e xogou fácil. Foi o primeiro cambio do partido pra dar entrada a Borges.

Pedro Mosquera: 6. Unha vez máis foi o temón do equipo e o dominador do centro do campo grazas ao seu bo posicionamento, capacidade de sacrificio e, sobre todo, acerto na distribución. Ademais, chegou á frontal e tentou o disparo afastado en varias ocasións.

Fede: 7. Os seareiros estaba con ganas de velo e deixou detalles interesantes. Sempre pola dereita, arrincou impreciso e algo individualista, pero foise entoando e xa na recta final da primeira parte enviou un balón ao poste. Na segunda, fixo un golazo espectacular dende 30 metros pero sorprendeu cunha mala cesión atrás que rematou no empate. Necesita minutos pra integrarse no xogo e aínda é un xogador en formación, pero amosou que ten calidade pra marcar diferenzas.

Luisinho: 6. Impreciso e apagado con balón, a súa única achega destacada estaba sendo en defensa coas axudas a Fernando Navarro, pero apareceu no momento clave pra facer unha gran galopada e centrar á área na acción do 1-2.

Jonathan Rodríguez: 5. Desasistido e moi só enriba, apenas puido participar e cando o fixo tivo problemas pra baixalas de costas e dar saída aos seus compañeiros. Aínda así, deu mostras das súas intencións cunha xogada individual pola dereita e con outra na que se virou rápido e buscou o tiro. Foi substituído no minuto 64.

Celso Borges: 7. Apenas xogou media hora, pero chegoulle pra ser decisivo cunha faceta que potenciou esta tempada e por agora está a dar moi bos resultados: a súa chegada á área. No 1-2, incorporouse nunha acción similar á do seu gol en Vallecas e cedeuna de marabilla prá chegada de Fayçal Fajr.

Lucas Pérez: 6. Tocou poucos balóns e non tivo opcións claras de marcar, pero transmitiu máis perigo que Jonathan Rodríguez cando a pelota pasou polas súas botas e apertou na presión.

Juanfran: 5. Ingresou só cinco minutos antes do gol da vitoria pra reforzar a dereita. Foi importante na recta final pra aguantar a pelota e deixar que pasase o tempo. Regresaba ao Benito Villamarín, que lle recibiu con moitos asubíos pola súa polémica saída no verán de 2014.

O MELLOR

Fotógrafo: Manuel Laya

Fayçal Fajr: 8. Cada día máis importante, foi o único futbolista de ataque que non rotou e ademais completou os 90 minutos. Os seus toques entre liñas e cambios de orientación son claves en case tódolos ataques do Dépor e ademais arredondou a súa actuación co seu primeiro gol. O seu único lunar estivo no balón parado, que executou peor ca en partidos anteriores.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s