A encrucillada de Haris Medunjanin

Tras unha pretempada que, tal e como recoñeceron os propios xogadores, fíxose demasiado longa, o Deportivo estrearase hoxe en competición oficial, polo que Víctor deu onte a coñecer a súa primeira convocatoria da tempada. Nesa lista non había sorpresas debido ás numerosas baixas xa coñecidas de antemán, mais a posterior comparecencia do adestrador branquiazul en sala de prensa fixo que cobrase especial relevancia o nome dun dos ausentes, Haris Medunjanin.

O centrocampista bosníaco arrastra un partido de sanción por acumulación de amarelas trala amoestación recibida durante o transcurso do último partido da pasada tempada, algo que o convertía en baixa segura pró primeiro partido desta campaña. Porén, o adestrador branquiazul revelou que a súa ausencia non só era por sanción, se non que se trataba tamén dunha decisión técnica, o que parece deixar entrever que de tódolos xogadores do plantel que poden desenvolverse no posto de mediocampista, Medunjanin é, a día de hoxe, a última opción que baralla o técnico madrileño pra cubrir esa demarcación.

Fai un ano, a fichaxe de Haris Medunjanin (un dos poucos que chegou en propiedade) foi dos que máis ilusión espertou entre os seareiros branquiazuis, ao tratarse dun xogador en cuxa carta de presentación destacaba o seu bo trato de balón, a súa visión de xogo e un gran golpeo a balón parado. Porén, non foi capaz de facer gala desas calidades, e malia comezar a tempada sendo un fixo nas aliñacións, aos poucos foi perdendo protagonismo e, tanto con Víctor Fernández primeiro, como con Víctor Sánchez do Amo despois, apenas contou con minutos durante a segunda volta do campionato.

Esta tempada a competencia na medular aumentou coa incorporación de xogadores como Pedro Mosquera e Fayçal Fajr, o que diminúe as opcións de que o internacional bosníaco dispoña de oportunidades. Durante a pretempada, o centrocampista foi cuestionado sobre a posibilidade de que se chegase a producir esta situación, e non quixo descartar unha saída. “Quédanme 2 anos máis de contrato, mais temos ata o 31 de agosto de mercado e imos ver”, indicou.

Todo iso nunha tempada que terá como colofón a disputa da Eurocopa o próximo verán, un torneo no que o centrocampista bosníaco quere estar presente e pró que considera imprescindíbel o dispor de minutos. “Pra min é importante xogar. Teño posibilidades de ir con Bosnia á Eurocopa, e se acó non xogo, vou perde-lo meu posto en Bosnia”, manifestou.

Estas circunstancias, sumadas ao devandito polo técnico deportivista na conferencia de prensa de onte, poden provocar que Medunjanin baralle a posibilidade de buscar unha saída coa fin de atopar un equipo no que dispoña dos minutos e a continuidade necesarios para seguir sendo convocado pola súa selección.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s