Chile gañou a súa primeira Copa América

CHILE 0-0 ARXENTINA (4-1 nos penaltis)

Chile gañou a súa primeira Copa América tras derrotar nos penaltis a Arxentina, e alonga a maldición de Arxentina. O partido en si foi tenso e con poucas ocasións. Xa na serie decisiva, os erros de Higuaín e Banega e un singular ‘Panenka’ de Alexis desataron a tolemia no Estadio Nacional de Santiago.

161Non hai nada máis fermoso nesta vida que soñar esperto. Os chilenos descubrírono ao final tras moitas décadas de amargores e desgustos. “La Roja” era unha selección con certo prestixio internacional mais faltáballe esa lombeirada definitiva que só dá un título.

A Copa América de 2015 presentábase como a ocasión ideal pra acabar con esa nefasta seca, pero poucos prevían un desenlace tan novelesco, pola entidade do rival e a carga emocional que levan consigo sempre os penaltis.

No outro lado quedou Arxentina, maldicindo unha vez máis a súa sorte nas finais. É a terceira que perde nos últimos 8 anos, alongando así a súa seca de títulos, que se estira coma unha goma de mascar dende 1993.

O partido en si foi pouco vistoso, entroncando cun campionato que non destacou precisamente polo seu brillo futbolístico. Chile e Arxentina repartíronse o dominio e as escasas ocasións, propiciando dende o principio un final a cara ou cruz que non parecía desgustar a ningún dos contendentes.

A primeira parte foi bastante entretida. Cos medos atávicos aínda na recámara e as pernas e as ideas frescas, os dous equipos amosaron por momentos os seus mellores argumentos, aínda que non se traduciron en demasiadas ocasións.

Vidal non puido sorprender de volea a Romero tras un mal despexe de Otamendi e o Kun non logrou bater a Bravo tras unha falta botada por Messi que o dianteiro do City cabeceou a queimarroupa e no primeiro pau.

O porteiro do Barça tivo que volver a escena co tempo regulamentario xa cumprido, pra despexar un remate potente mais centrado de Lavezzi tras unha excelente xogada de Pastore.

O descanso pillou aos dous equipos con importantes feridas de guerra. Chile tiña aos seus 3 centrais amoestados e Arxentina perdera polo camiño ao explosivo e desequilibrante Di María por unha das súas recorrentes lesións musculares.

A segunda parte, como era previsíbel, estivo marcada polo medo á derrota, así que o encontro sufriu un preocupante baixón futbolístico, entre outras cousas porque as estrelas, os que marcan diferenzas, non aparecían ou o facían de forma moi esporádica.

Houbo que agardar aos minutos finais, que de forma inopinada convertéronse nun feixe de ocasións e emocións desatadas.

Alexis puido marcar de preciosa volea tras un gran pase de Aránguiz, 10 minutos antes de que Higuaín se topara co lateral da rede tras unha contra conducida por Messi que Lavezzi alongou cun pase case milimétrico. Xogábanse xa os minutos de alongamento así que imaxínense a magnitude do susto vivido no Nacional de Santiago.

Nesa recta final, e merece a pena deixar constancia, o colombiano Wilmar Roldán non quixo amosar unha segunda amarela de libro a Marcos Rojo, á vez que deixaba de sinalar un clamoroso penalti no área chilena por un agarrón do ‘Gato’ Silva ao propio Marcos Rojo. O comesto polo servido, xa saben.

A prórroga trouxo moi poucas novas, así que os penaltis parecían inevitábeis dende moito antes que o colexiado ‘cafeteiro’ sinalase o final.

As series de penaltis son sempre unha lotería, así que non é de recibo cargar as tintas contra Higuaín e Banega, aínda que o certo é que os seus lanzamentos foron máis que deficientes, sobre todo no caso do ‘9’ do Nápoles.

Chile en cambio non fallou nada dende os 11 metros, reservando a gloria pra un irregular Alexis Sánchez que se marcou unha especie de ‘Panenka’ á hora de anotar a pena máxima definitiva.

“La Roja” berrou coma nunca e con ela, todo un país que soñaba dende sempre cun momento como este. Parabéns.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s